LIBROS PARA SOÑAR CELEBRA MAÑÁ A SÚA FESTA DE ENTROIDO
CON CONTOS SOBRE O AMOR E OBRADOIRO DE MAQUILLAXE
LIBROS PARA SOÑAR celebra mañá venres, a partir das 18:30, a súa habitual sesión de
animación á lectura, que estará adicada ao Entroido. Os visitantes da libraría infantil do Casco
Vello acudirán disfrazados á súa cita semanal cos libros e coa oralidade; por un día
converteranse en princesas, heroes, piratas, fadas e personaxes dos seus contos favoritos.
Tamén haberá un obradoiro de maquillaxe para que todos luzan a mellor caracterización acorde
ao vestiario dun día tan especial.
E coa cercanía do Día dos Namorados, este domingo 14 de febreiro, algúns dos relatos incluidos
no repertorio tratarán sobre o amor: “Hilderita e Maximiliano”, de Fernando Krahn, editado por
KALANDRAKA, e “Crocodilo namorado”, de Daniela Kulot, pertencente ao selo FAKTORÍA K,
farán agromar os sorrisos dos cativos. A célebre historia da parella de xoaniñas que emprenden
xuntas unha romántica viaxe, ou as estratexias de Crocodilo para chamar a atención de Xirafa
serán os principais alicientes da sesión infantil.
Ademais, o próximo mércores día 24 a partir das 17:30 horas, celebrarase unha nova sesión de
contos para bebés e nen@s ata tres anos, acompañados dos seus pais e nais. Esta actividade
especial que ofrece LIBROS PARA SOÑAR ten unha duración aproximada de 30 minutos:
baséase en contidos asequibles para os cativos, nos que prima o factor visual e a expresión
corporal. Tamén se ofrecen consellos e pautas de actuación no ámbito familiar para rodealos
dos materiais máis axeitados á súa idade.
LIBROS PARA SOÑAR | r/ Triunfo, 1. Vigo | 986 43 37 68 | lps@kalandraka.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario