CONSUELO Mª CONDE FEIJOO

CONSUELO Mª CONDE FEIJOO


ELISABETH

ELISABETH
POEMAS DE VIERNES ATARDECIENDO

lunes, 8 de marzo de 2010

HOMENAXE A MARÍA FILLOY NO SEU CENTENARIO





MARÍA FILLOY RODRÍGUEZ

(1910-2010)

Naceu un 8 de Marzo de 1910 en Santiago de Tabeirós, no lugar das Quintas, no Concello da Estrada. Filla de Francisco e de Maria foi a menor de catro irmás, Flora, Florentina, Manuela e a nosa María, cas que mantiña unha boa relación. Pasou toda a súa infancia na casa dos seus pais onde axudaba no campo, co gando e nas labores do fogar, mostrando dende nena ser unha persoa moi traballadora.

Cando María fala dos seus pais os ollos reflexan emoción, sobre todo o falar do seu pai, Francisco, co que tiña unha afinidade especial, aínda que non pasaban moito tempo xuntos porque el traballaba noutra localidade nunha canteira durante toda a semana e chegaba a casa os sábados para marchar de novo os domingos. Tódolos sábados traíalles as súas fillas figos pasos e Maria quedaba encantada co regalo. A súa nai, segundo conta Maria, era moito máis autoritaria e nalgún momento tivo que sacudila cunha cana de millo, sobre todo, cando facía a súa trasnada favorita que era “andar os niños”, roubar os ovos dos paxaros, aínda que non habia moito tempo para xogos porque tiña que axudar a súa nai nas labores. A infancia de Maria como o resto da súa vida estivo marcada polo traballo.

Os sete anos de idade, Maria comezou a ir á escola, aínda que esto duraría só ata os 14 por motivos de traballo, nesta época de escola ela compaxinaba as clases cos traballos do campo; conta que foi unha boa alumna e ningún mestre tivo nunca que castigala por mal comportamento, gustáballe o colexio e os libros; sempre que ía co gando levaba un debaixo do brazo. Aprender cousas novas sempre lle gustou, aínda hoxe en día amosa interese e inquedanzas por aprender.








Maria e Jacobo eran veciños de toda a vida, coñecíanse moi ben, bailaban despois da misa do domingo, nalgunha festa dos sábados e falaban nos camiños cando ambos ían co gando; el era maior que Maria seis anos, o tempo fixo que namoraran e Jacobo pedieulle a man de Maria os seus pais e éstes aceptaron o compromiso xa que coñecían a Jacobo dende neno; así contraeron matrimonio o día 9 de xuño de 1934. Maria tiña entón 24 anos, e define esta etapa como a mellor da súa vida. Cando Maria casou, marchou a vivir á casa do seu marido en Cepetelo ca nai deste. Jacobo traballaba nunha canteira e o igual que o pai de Maria tan só estaba na casa ca súa muller e os seus fillos os domingos e asi durante nove anos, levábanse moi ben aínda que non pasaban moito tempo xuntos.

Tiveron catro fillos: Luis, Antonio, Lola e Magdalena, os catro foron moi obedientes e axudaban en todo o que podían os seus pais.








A Guerra Civil Española estalou traendo consigo unha época de cambios económicos e sociais. Afortunadamente, Jacobo non foi reclamado para loitar. Os momento máis criticos da guerra non se viviron con moita crudeza na casa de Maria, xa que tiñan un campo de millo do cal se alimentaban e os seus fillos traballaban e axudaban os seus pais nas labores do campo e da casa. A guerra rematou e todo volveu á normalidade.

Os nove anos de casada, Jacobo falece e Maria queda sola cos nenos. Nese momento a vida foi dura, xa que non tiñan moitos medios e tiveron que traballar duro para sobrevivir, coincidindo con tempos de posguerra. Por aquel tempo, Maria comeza a ir ás feiras a vender becerros que compraba primeiro polas casas e tamén segue a traballar o campo e as leiras, deste xeito e con moito esforzo, pouco a pouco a familia foi saíndo a diante. Nunca máis quixo a outro home para casar aínda que oportunidades non lle faltaron. Quedou viúva sendo unha muller namorada e hoxe recorda aqueles momentos con dor e pregúntase porque lle tocou quedar sola sendo tan xoven.

Por aqueles tempos de traballo, Maria vivia cos seus fillos e a súa sogra na casa desta; elas mantiñan unha boa relación e axudábanse en todo, criaron xuntas os rapaces.

Os tempos avanzaban e as tecnoloxías comezaban a xurdir, a familia ía as casas dos veciños a ver a televisión, pero a nosa Maria non lle atraía moito, eran tempos nos que só se dedicaba a traballar para sacar á familia adiante, non tiña, e tampouco se podía permitir ter, ningún tipo de aficción; dende que quedou viúva non volveu a ningún baile nin festa.

Cando a sogra morreu, Maria quedou como herdeira da casa xa que o seu marido fora fillo único. Os seus fillos, Luis e Antonio, faleceron, e as fillas foron crecendo e abandonando a casa familiar para facer a súas vidas. Maria viviu soa ata que co tempo e a idade queria ter compaña polo que decidiu abandoar o campo e trasladarse ca súa filla Lola a Bilbao onde viviu durante tres meses; pero Maria non se adaptaba fora de Galicia e a morriña fixo que regresara á Estrada pero esta vez para vivir ca súa filla Mª Elena. Con ela estivo durante uns trinta anos ata que o 27 de maio de 2009 ingresou na nosa Residencia, que casualidades da vida, que unha muller de interior que só vira o mar dúas veces nos seus cen anos se trasladara a unha vila que é porto de mar.

Maria relata a súa vida con tranquilidade e considera que tivo unha vida normal, di que é outra historia máis de España.

Cando lle preguntas cal é o segredo para alcanzar os cen anos de idade a súa resposta é: Fun Labrega.

Os que a coñecemos e vivimos con ela resaltamos que o segredo de chegar os cen anos está no tesón e na fortaleza que esta muller día a a día segue manifestando, o interés continuo por seguir aprendendo e o non rendirse ante as adversidades que a vida che vai trazando o longo do largo recorrer.








2 comentarios:

  1. Grazas pola vosa colaboración, co voso saber facer contribuíchedes a facer feliz a moita xente na celebración do centenario de María Filloy.
    Unha apreta moi agarimosa,
    Xermán Torres

    ResponderEliminar
  2. Agradeciendo mucho acercarme la historia de esta persona llena de fortaleza, reflexiono que no son tan grandes los problemas que me pueda encontrar y tengo mucha mas ayuda probable que La Sra Marìa Filloy.

    ResponderEliminar

Novas - Grupo Brétema - Gracias al Programador .Dito | y a la tecnología de Blogger